O XOGO NO SALÓN / SALÓN DO LIBRO DE PONTEVEDRA
O MUVI presenta un área de xogo que conceptualiza o salón dunha vivenda, centro do fogar, espazo onde o lecer e o lúdico levan convivindo dende que as sociedades existen.
Os videoxogos acabaron por ser un elemento integrado nas casas, especialmente no salón, como parte dunha evolución e un proceso no que dende os anos 80 foron gañando un espazo de seu, transformándose nunha constante sobre a que comezou a xirar parte da vida en común dos integrantes de cada familia.
O espazo do Museo do Videoxogo constará de videoconsolas, ordenadores e consolas portátiles que foron protagonistas da nosa vida familiar nos anos 80, 90 e nos inicios do 2000, con títulos multixogador que priman a diversión e as experiencias compartidas pero tamén, coma sempre, de interese cultural. Día 3 de Maio, desenvolverase no espazo do MUVI unha actividade que conectará dous mundos distintos, o videoxogo e os xogos de mesa en colaboración coa Asociación Lúdica de Pontevedra Rotting Pizza.
O Museo do Videoxogo de Cangas pechará soamente o primeiro sábado do Salón do Libro de Pontevedra, día 22 de Abril.